Monday 16 de September de 2024

O concello dálle continuidade ao plan de renovación da rede de saneamento no barrio de Monte Alto, cunha nova intervención na rúa Touro


As obras, que está a acometer o Servizo municipal de Infraestruturas e comezaron este mércores, focalízanse no percorrido comprendido entre os cruzamentos coas rúas Valencia e San Tirso

No que vai de mandato, e atendendo ao caso concreto de Monte Alto, o Goberno de Inés Rey xa executou melloras deste tipo nas rúas Colón e San Antonio

O Concello da Coruña, a través da Área municipal de Economía e Planificación Urbana, comezou esta semana os traballos para renovar un treito da rede de saneamento na rúa Touro, no sector norte do barrio de Monte Alto.

A intervención, focalizada no percorrido da rúa Touro comprendido entre os cruzamentos coas rúas Valencia e San Tirso, suporá a substitución dos antigos colectores, feitos con base de gres e con 200 mm de diámetro exterior, por uns novos de PVC e cun diámetro máis amplo, de 315 mm. Baixo estes parámetros, ademais de renovarse os materiais, apóstase por un diámetro exterior que reforce a seguridade fronte a posibles fugas.

Neste sentido, a previsión do persoal de Concello é que, unha vez completada a substitución dos colectores, se proceda á renovación do firme no treito afectado polas obras, onde se disporá unha nova capa de formigón. Xa para finalizar a intervención, procederase a recolocar as tapas de rexistro asociadas á rede de sumidoiros. O prazo estimado para completar os traballos é, aproximadamente, dun mes.

As intervencións previas: nas rúas Colón e San Antonio

As obras na rúa Touro danlle continuidade ao plan de renovación da rede de saneamento na Coruña que está a impulsar, desde o mandato anterior, o Goberno de Inés Rey, actuando barrio a barrio e dándolles prioridade ás intervencións máis necesarias, ben pola antigüidade dos colectores ou para solucionar deficiencias.

No caso específico do barrio de Monte Alto, este verán tamén se acometeron melloras na rúa Colón, onde se renovaron as tubaxes entre a rúa Santo Tomás e ata as inmediacións da intersección de Colón coa Vía Ártabra e a rúa Suevia.

En paralelo, tamén avanzan as obras na rúa San Antonio, onde o Concello está a levar a cabo unha reurbanización do treito norte, co obxectivo de remodelar os espazos peonís para facelos máis accesibles. Aproveitando a necesaria demolición do firme, tamén se acometeu a substitución dos antigos colectores subterráneos.